Friday 26 de April de 2024

Lete Lasa destaca a alianza de Patricia Suárez e Antón Paz como “un proxecto de fututo e de éxito para a vela galega”


Lembra o apoio brindado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da entrega ao Centro Galego de Vela (CGV) dunha embarcación de vela lixeira da clase 49er FX cun investimento de 32.276,75 euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe un encontro de traballo coas regatistas galega Patricia Suárez e a canaria María Cantero, que forman equipo desde outubro de 2020 con claras aspiracións de representar a España nos Xogos Olímpicos de París 2024.

O mandatario galego celebrou esta sociedade galaico-canaria que “de seguro colleitará grandes resultados baixo a atenta mirada do seu adestrador Antón Paz que xa sabe o que é colgarse un ouro olímpico” en Pequín 2008, na clase Tornado xunto a Fernando Echávarri. Neste sentido, o secretario xeral destacou esta alianza como un “proxecto de éxito e de futuro para a vela galega”.

Ademais, Lete Lasa destacou que Patricia Suárez xa acadou a praza olímpica para España no 49er FX no mundial 2019 de Nova Zelanda e lembrou, ao fío dos seus últimos éxitos como regatista, o apoio brindado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da entrega ao Centro Galego de Vela (CGV) dunha embarcación de vela lixeira da clase 49er FX cun investimento de 32.276,75 euros financiados integramente pola Xunta de Galicia.